Varias ONG de Melilla denuncian a xestión da acollida de persoas durante o estado de alarma

Varias ONG de Melilla denuncian a falta de recursos dispoñibles, unha xestión de acollida opaca e insuficiente e deficiencias dos servizos provistos durante a crise sanitaria. Centos de persoas viron limitados os seus dereitos máis aló do establecido na normativa reguladora do estado de alarma.

Médicos do Mundo, Save the Children, a Comisión Española de Axuda ó Refuxiado ( CEAR), o Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM), a Rede Migrantes con Dereitos e a Asociación Geum Dodou Melilla denuncian diante do Defensor do Pobo a situación que persoas migrantes, solicitantes de asilo, menores e mozos extutelados están a vivir durante o estado de alarma. Mais precisamente, poñen o foco no recinto O V Piñeiro, a praza de touros, a mesquita do cemiterio musulmán e o forte de Rostrogordo.

O V Piñeiro albergou a uns 200 homes e a unha muller, sen ventilación nin climatización. As carpas enchéronse de pingueiras que caían directamente nas liteiras. O mais destacable era a situación dos aseos: tres váteres e unha ducha en mal estado para todos.

Non había servizo de lavandería, internet ou teléfono, as persoas referían escaseza de comida e auga. Preocupaba especialmente a irregular atención sanitaria.

Na Praza de Touros a situación é semellante a día de hoxe: acolle a máis de 400 persoas ás que lles negaron saír á rúa mesmo en fase un e non hai espazo de corentena para as recentemente chegadas.

En ámbolos dous recintos, os problemas nos trámites administrativos afectaron ás persoas que tiñan pendente regularizar as súas situacións. A Policía mesmo obrigou a moitos residentes a entregar os seus pasaportes no momento de confinarse na praza de touros.

No caso do CETI, dobrouse a súa capacidade de acollida durante todo o estado de alarma. Na mesquita do Cemiterio Musulmán e no forte Rostrogordo as condicións son mellores, malia a precariedade.

Ata Rostrogordo trasladáronse mozos do centro de menores A Purísima e habilitouse unha zona de corentena para menores de fóra do sistema de acollida. En total uns 140 teñen de asistencia e coidados, aínda que a metade denunciaron ter sarna.

As ONG asinantes non teñen constancia de que se desen charlas sobre a covid-19 nin repartido máscaras, xel hidroalcohólico ou luvas.

“A saturación crónica do CETI e a paralización dos traslados á península de poboación norteafricana -incluídos os mozos que saen da tutela administrativa da cidade autónoma, situación que lles dá dereito á residencia en España- agrava a deficiente capacidade de acollida de Melilla”

Apuntan as ONG

Por todo iso, as entidades asinantes teñen elaborado un informe que recolle a vulneración de dereitos destas persoas e denunciaron nunha carta ao Defensor do Pobo, instándolle a esixir responsabilidades.

As ONG reclaman unha xestión baseada nos principios de solidariedade e responsabilidade da política migratoria, centrada na dignidade da persoa e no respecto aos dereitos humanos.