Moria non pode ser o final do camiño

O Servizo Xesuíta a Migrantes lamenta a situación de abandono e o fracaso na acollida de refuxiados en Moria e noutros lugares da fronteira Sur e reitera o seu compromiso e dispoñibilidade da súa rede de comunidades de hospitalidade en todo o territorio español.

Lesbos constitúe un icono do modelo errado da política migratoria en Europa. Alí preséntase un modelo de primeira acollida que non ten capacidade nin para albergar nin para acoller con dignidade. Esta situación repítese noutros lugares da fronteira Sur de Europa.

En Moria vívese unha situación insostible dende fai cinco anos, namentres Europa mira cara outro lado.

Un campo con capacidade para 3.000 persoas e onde residen 13.000. Deles un 40% son nenos, dos cales máis de 400 son menores sen as súas familias. Familias ao completo que tiveron que deixar os seus fogares. Tamén persoas de diferentes partes de África, onde a violencia é estrutural.

Unha Europa insolidaria que non foi quen de cumprir coas súas obrigas de forma coordinada e que externaliza as súas fronteiras cada vez máis. Moitos organismos internacionais xa advertiran do perigo para os campos de refuxiados de seguir vivindo nestas condicións de masificación, pola imposibilidade de manter os mínimos requisitos sanitarios e de distanciamento social.

A realidade do CETI de Melilla e o vivido na praza de touros desa cidade autónoma, fálanos de tristes paralelismos.

Tamén é significativo o posicionamento de ACNUR, a OIM e da Comisaría dos Dereitos Humanos do Consello de Europa ao respecto. Así mesmo, prodúcese na actualidade unha “estabulación” de solicitudes de asilo en Melilla, Ceuta ou Canarias, cortando o seu dereito fundamental á libre circulación e á libre elección de residencia , malia a sentenza do Supremo.
Europa semella que comeza a espertar moi timidamente e espérase con expectación o Novo Pacto sobre Migracións e Refuxio.

A igrexa católica, xunto a toda a sociedade civil, puxo os medios para realizar unha axuda humanitaria e comunidades coma San Egidio ou o mesmo o Servizo Xesuíta a Refuxiados, entre outros, están acompañando e facendo intervencións en diferentes espazos de acollida e integración dende fai anos.

Pola súa parte o Servizo Xesuíta a Migrantes leva tempo acollendo, acompañando e integrando a persoas migrantes e refuxiadas dentro da súa rede de Comunidades de Hospitalidade e colaborando estreitamente co Goberno no modelo de patrocinio comunitario.

Non podemos seguir mirando cara a outro lado sen actuar. Cómpre que Europa esté á altura, con respostas comúns e solidarias, cun modelo de integración e arraigo nas nosas sociedades diversas e sobre todo, respectando o dereito universal das persoas que solicitan asilo.

O Servizo Xesuíta a Migrantes reitera o seu compromiso e disponibilidade da nosa rede de hospitalidade, sumando no empeño de dar unha resposta común , coordinada e integral, poñendo no centro ás persoas migrantes e refuxiadas.