#SumoMiCamino: camiñadas solidarias por unha sociedade de hospitalidade coas persoas refuxiadas

Baixo o lema #SumoMiCamino, as organizacións do Sector Social da Compañía de Xesús en España (Red Mimbre, Servizo Xesuíta a Migrantes, Alboan e Entreculturas) presentaron esta mañá a iniciativa Camiños de Hospitalidade

Un convite á cidadanía a pórse na pel das persoas refuxiadas e desprazadas e a facer camiñadas solidarias para reclamar unha Europa da Hospitalidade e de defensa dos Dereitos Humanos a través dun Pacto pola Hospitalidade

Con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas (que se celebra o próximo 20 de xuño), as organizacións do Sector Social da Compañía de Xesús en España (Red Mimbre, Servizo Xesuía a Migrantes, Alboan e Entreculturas) reclamaron esta mañá nunha rolda de prensa unha Europa da Hospitalidade e a defensa dos Dereitos Humanos a través da iniciativa Camiños de Hospitalidade.

Estes camiños están inspirados no legado do xesuíta Frans Van der Lugt que viviu 50 anos en Siria onde foi asasinado en 2014 e onde levou a cabo camiños de fraternidade con persoas de diferentes orixes e crenzas relixiosas. “En homenaxe a isto seguimos promovendo xeitos de simbolizar esa esencia de unidade dos pobos máis alá das ideoloxías, as crenzas relixiosas, a orixe, o xénero: a vontade de fraternidade, a convivencia harmónica entre as diferentes relixións e culturas, o rexeitamento de todas as formas de violencia armada e á desigualdade e á hostilidade ”, explicou Raquel Martín, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de Entreculturas.

O contexto actual, caracterizado polas tensións sociais e políticas provocadas polo Covid-19 e por outras crises estruturais que se estenden no tempo e que afectan en maior medida os grupos máis vulnerables, leva a miles de refuxiados a pórense en movemento, a emprenderen camiños incertos nos que viven en situacións de vulnerabilidade, discriminación e violación constante dos seus dereitos. Son camiños perigosos nos que arriscan e mesmo perden a vida e un bo exemplo diso son as imaxes recentes de miles de persoas que intentan chegar ás Illas Canarias e Ceuta. Luis Arancibia, Delegado do Sector Social da Compañia de Xesús explicou que “ante esta realidade non nos conformamos, desde as obras do Sector Social da Compañía de Xesús lanzamos esta proposta na que convidamos á cidadanía a pórse no lugar das persoas refuxiadas e desprazadas, a mobilizarse polos valores da hospitalidade e a acollida digna a través dun Pacto pola Hospitalidade”.

Os últimos datos, de mediados de 2020, mostran que o 3,6% (280,6 millóns) da poboación mundial reside nun país diferente ao de nacemento; “entre os que 79,5 millóns (aproximadamente o 1% da poboación mundial) son persoas que se viron obrigadas a abandonar o seu país; a maioría (o 73%) aos países veciños ao de orixe” lembrou Pablo Funes, Coordinador de Cooperación Internacional de Entreculturas. As causas que provocan a fuxida das persoas desprazadas pola forza, os obstáculos atopados no tránsito e as condicións ás que se enfrontan no país de destino sitúan as persoas refuxiadas e migrantes en situacións de desprotección, discriminación e violación constante dos seus dereitos.

Durante a rolda de prensa foi posible escoitar testemuños como os de Abir Ahmad Sabra, profesora de inglés no centro educativo de Servizo Xesuíta a Refuxiados Nicolas Kluiters, no Líbano, que falou sobre a importancia da educación para os menores refuxiados e a ” enorme responsabilidade que temos acompañando as persoas refuxiadas no seu camiño, o seu camiño é o noso camiño”. Nesta liña, Sineyi Zambrano, solicitante de asilo en España, relatou o seu camiño de refuxio desde que deixou Venezuela en 2018 ata hoxe e a importancia que para ela están a ter os pisos de acollida do Servizo Xesuñita a Migrantes. “Pasaron tres anos dende que cheguei a España e agora sinto que estou a comezar o meu camiño, que estou a construír o meu futuro. A miña filla e eu temos unha estabilidade. É fundamental para nós sentírmonos acollidas, acompañadas e sentir que hai persoas e institucións que se preocupan por nós”, explicou.

Esta situación “chámanos a tratar de cubrir cinco fendas: a fenda da viaxe en ausencia de rutas seguras e legais; a das fronteiras, onde se deben respectar os dereitos humanos; a da inclusión para evitar desprotección e irregularidades; a de construír tecidos sociocomunitarios; e a fenda da convivencia para construír novos discursos, valores e formas de convivencia que nos permitan camiñar na construción dunha familia humana e dunha nova sociedade” como afirmou Jaime Pons, Coordinador da Área de Hospitalidade do Servizo Xesuíta a Migrantes. Ademais, presentáronse dez medidas necesarias que se debe poñer en marcha para garantir os Dereitos Humanos e a inclusión de persoas desprazadas pola forza.

Todas as persoas que queiran unirse a esta iniciativa “poderán facelo a través de diferentes iniciativas que atoparán na páxina web de Camiños de Hospitalidade ou a través de #SumoMiCamino concluíu Dani Martínez, coordinador da Campaña Hospitalidad.