Comunidade de Hospitalidade Arrupe: acollida e solidariedade

A Comunidade de Hospitalidade Arrupe nace da unión das forzas da Fundación Migra Studium e o Casal Loyola, co apoio da campaña #Seguimos da Compañía de Jesús, para dar resposta á emerxencia pandémica e reforzar a Rede de familias Hospitalarias de Cataluña.

Durante a primeira fase da pandemia, o proxecto deu resposta á urxente necesidade de vivenda que sofren moitas persoas migrantes. Nun mundo de portas pechadas, onde centos de persoas perden a vida na súa viaxe migratoria, a Comunidade Arrupe acolle e ofrece un teito e un fogar a solicitantes de asilo e migrantes vulnerables.

As incorporacións a esta comunidade fixéronse progresivamente e ata o momento o proxecto posibilitou a acollida de 16 persoas, cunha media de 5 persoas acollidas simultaneamente para asegurar un bo acompañamento e un ambiente de familia. Todas elas son persoas moi activas, ás cales ter un fogar posibilítalles seguir estudando e buscando traballos. Dende o inicio, o voluntariado foi o corazón do proxecto, ofrecendo clases de castelán e catalán, de informática, actividades lúdicas, axuda no horto, e sobre todo a presenza os mediodías e as noites. Do mesmo xeito, está a ser fundamental a colaboración de moitas familias que semanalmente fan a compra da comida e outros produtos básicos.

Testemuño de Anna- bel, implicada na Comunidade Arrupe

“Hoxe a alegría foi maiúscula! No Casal Arrupe, veunos a visitar Karim. Ao velo, respectando as distancias marcadas pola pandemia, todos a saudamos efusivamente e dixémoslle como nos alegraba que volvese a visitarnos. A súa resposta xorde dende o corazón clara e sincera, emocionante para todos: É a miña casa!

Quen non chamaría fogar a aquel espazo no que viviu un tempo e axudou a vestir e encher de vida, no que cociñou, limpou, conviviu con outras persoas, sentiuse acollido e coidado? É a miña casa! Como agora é a súa casa a da familia de acollida onde tivo a sorte de ir para poder seguir adiante. A miña casa… a importancia de sentirse esperado, acompañado, seguro e protexido; a necesidade de sentirse querido porque sí, simplemente porque se é persoa e a persoa ten un valor absoluto; e só outra persoa dende a escoita, o amor e a tenrura, pódea axudar a sandar das súas feridas e superar os medos e tristezas”.

Testemuño de Kamal, 20 anos, Marrocos

“Con 17 anos decidín cruzar en patera cara a España buscando un futuro mellor nun país onde non coñecía a ninguén nin falaba o seu idioma. Ao chegar a Barcelona todo custoume moitísimo, primeiro estiven un mes e medio na rúa durmindo nun parque. Alí coñecín a un señor que me levou a unha comisaría para que puidese entrar nun centro de menores. Como só me faltaban 5 días para cumprir os 18, para a policía xa non era menor. Dixéronme que tiña que volver á rúa, bloqueeime. Despois dun tempo máis na rúa, pasei 5 meses en albergues. Explicáronme o proxecto da Rede de Hospitalidade. Comezou a miña mellor etapa en España. Estiven ano e medio con tres familias diferentes. Foi unha experiencia brutal, aprendín moitísimas cousas. Puiden empezar a estudar un grao medio, os profesores están moi contentos comigo e eu con eles”.